viernes, 19 de abril de 2013

Entrevista con Tucho de Heredeiros da Crus

Biografía de Heredeiros da Crus:

Os Heredeiros da Crus revolucionaron a música en galego cando nos anos 90 triunfaron con Que jallo é, Íscalle Lura ou Non quero nada de ti, temas con letras gamberras, falar coloquial -gheada e seseo incluídos- e unha irreverencia natural que os caracteriza desde entón e coa que non tardaron en identificarse miles de mozos e mozas de toda Galicia. O seu primeiro disco, A cuadrilla de Pepa a Loba, publicado en 1994, foi todo un fenómeno social que non deixou de medrar en cada disco (Está que te cajas, 1996; Criatura, 1997; Des Minutos - 1997; Erecsiones munisipales, 1999; All Right Chicago, 2000; Chicarrón, 2004; DVD 20 aniversario, 2012) e en cada concerto que ofreceron. Despois de oito anos separados, en 2012 os catro Heredeiros da Crus -Fran Velo ao baixo, Tonhito de Poi á guitarra, Javi Maneiro á voz e Tuchiño á guitarra solista)- volveron aos escenarios da man de Airapro e acompañados de Manu Rey á batería e unha banda con metais, coros e teclado en directo.

Entrevista con Tucho de Heredeiros da Crus:

Tras unha longa espera xa podemos berralo os catro ventos, VOLVEN OS MAIS JRANDES, VOLVEN OS HEREDEIROS DA CRUS (en adiante HDC) e parece que para quedarse xa que están traballando nun novo disco!!! En DCEV non podíamos deixar escapar a oportunidade de falar coa banda de Ribeira e coñecer de primeira man como esta sendo a grabación do seu noveno traballo e por iso entrevistamos a Tucho. A semana que vén anunciarase diante dos medios TOOOODAS as novidades sobre o novo disco de Heredeiros, incluído o título, presentarase o primeiro single e daranse todos os detalles do que será o concerto de presentación, que promete ser tan jrande ou mellor có do ano pasado en Ordes...  Comezamos coas preguntas…


-Moitos de nos quedámonos abraidos cando coñecimos o da vosa disolución. Que pasou? O disco non funcionou como esperabades? Necesitabades un descanso? 
Nunca nos disolvemos... o grupo desapareceu sin máis, sen decirlle nada a ninguén. O que sí foi un pouco raro é que o último concerto de Heredeiros foi en Madrid. Estábamos un pouco cansos e necesitábamos unhas vacacións que duraron 8 anos.

-Durante todos estes anos a expectación por volver a ver xuntos os HDC foi facéndose máis e máis grande, creáronse numerosas paxinas de facebook pedindo a vosa volta. ¿Erades conscientes de todo isto? 
Non de todo, pero teño que dicir que eso axudou a que o grupo volvese aos escenarios.

-Como xurdiu a idea de “Volven os mais jrandes”?
Non teño idea, esa pregunta debería contestar Airapro e o autor dos vídeos, Marcos Martínez. Penso que xurdiu porque eles tamén son fans do grupo. 

-Sodes un grupo “peculiar”… Cómo definiriades con poucas palabras a vosa música?, Que grupos son un referente para vos?
Rock, simplemente rock. A min gústame moito a música rock dos anos 70 e tamén a época Heavy Metal dos 80. O meu grupo preferido son os “Rolling Stones”. Teño discografías completas de moitísimos grupos desas décadas. Tamén escoito grupos actuais como poden ser os “Beatles”.


Foto: Marcos Martínez.
-Unha das razóns para a volta dos HDC foi que se cumpriron vinte anos do lanzamento do voso primeiro disco “A cuadrilla de Pepa a Loba”. Esperabades ter una acollida tan multitudinaria no voso regreso?
Nunca pensei que iba a ser así, atreveríame incluso a dicir que hai máis pasión polo grupo hoxe en día. O que si botei en falta foron ós detractores, ningún se manifestou polo momento.

-O ano pasado HDC publicaron o DVD do concerto que ofreceron en marzo de 2012 con motivo do seu 20 aniversario e tras oito anos dende a publicación do seu último disco, Chicarrón (2004), os sinco latinos están de volta. Tras a gran acollida do regreso de HDC e coa gravación dun novo disco… Podemos dicir que voltades para quedarvos definitivamente?
Eu nunca falo do futuro, só podo dicirche que estamos aquí e que queremos seguir estándoo. O que si tíñamos claro é que si o grupo cando celebrou os seus 20 anos non tivese a acollida que tivo, non habería novo disco. Unha retirada a tempo é o máis acertado.

-¿Cal creedes que e a evolución de HDC dende o comezo con “A cuadrilla de Pepa a Loba” ata este futuro noveno disco? Atoparemos algunha novidade?
Que temos máis experiencia e que seguimos coas ganas do primeiro día. No novo disco a única novidade que ides atopar é que van a ser temas novos.


Foto: Marcos Martínez.
-Como todo o que fai a banda de Ribeira, que pode presumir de contar cunha das maiores e máis fieis lexións de fans de Galicia, o voso novo disco está xerando unha forte expectación. Sodes conscientes diso? 
Sí, a nós provocounos un pouco de tensión, sobre todo a mín, que pouco a pouco fomos controlando e a medida que ían xurdindo cancións, o grupo cada vez se crecía máis. 

-As sesións de gravación comezaron xa fai uns dias na Coruña. Estes días estamos a ver vídeos desas sesións. Como vai a cousa?
Xa está todo rematado e listo para servir.

-O traballo, o noveno na carreira discográfica de Heredeiros, estará producido por Juan de Dios Martín, que xa ten traballado con artistas como Amaral, Bunbury, Xoel López ou Barón Rojo. Atoparémonos un disco 100% Heredeiros?
Totalmente Heredeiros!!!

-O novo traballo incluirá máis de 10 temas totalmente inéditos. X atemos ganas de escoitar os novos temas!!! Podedes adiantarnos algo?
Sí, que van a ser 12 cancións.

-O galego din que non vende, e cos HDC sempre houbo o rumor dun disco en castelán, e máis agora que Javi canta en castelán cos Jabon Blue. Persoalmente non me gustaría este cambio, pero entendo que a calidade musical dos últimos discos dos HDC é suficiente de abondo para triunfar na lingua de Cervantes… O castelán e una opción?
Non, Heredeiros canta en galego porque falamos en galego e só sabemos compoñer en galego e si as multinacionais queren a Heredeiros vai a ter que ser nas mesmas condicións. Para min a lingua nun grupo de rock é o que menos me importa, eu teño grupos que cantan en alemán, francés, japonés, galego, castelán, catalán, portugués e a gran maioría en inglés. Tamén teño que dicir que moita xente trata o castelán como si fose o anticristo, eso para min é un atraso, hai que apoiar o galego, o castelán ou calqueira outra lingua.


Foto: Marcos Martínez.
-Heredeiros da Crus comezan a gravación do seu novo disco, que se publicará antes do verán… Tedes pensado facer xira de presentación ou festivais no verán? Podedes adiantar próximos concertos?
Sí temos pensado, por agora non temos ningunha fecha pechada.

-Como describiriades un directo de HDC?
Como un: viva la virgen del Rosío!!!

-Agora traballades co equipo de Airapro, a produtora fundada polos actores Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro. Estades contentos co traballo da produtora?
Somos unha familia.

-Hai grupos que para renderlle tributo os HDC fan versións das súas cancións en directo... Sodes toda unha influencia para a musica da terra. Notades, de algún modo, o peso de ser un  referente?
Por suposto!! e eso gústame. É unha honra que sexamos un referente!!! Tamén os Rolling o son para min.

-Os Heredeiros da Crus, son un dos grupos mais desenfadados do panorama musical galego... Como vedes na actualidade a musica rock en Galicia?
Chámame fillo de puta, pero non teño nin idea. Como xa vos dixen antes eu vou por outros camiños. O que si sei é que cada vez en Galicia hai máis grupos e tamén máis nivel. Cando eu empecei a tocar a guitarra era moi complicado montar un grupo.

-En Galicia, en todos os seus xéneros, hai moi boa musica e bos grupos… Qué lle fai falta a musica galega para ser un pouco mais recoñecida?
Na nin no nai!!!, ni no nai!!!, ni no na ni no!!!.... Chispún!!!

-Para ir rematando… Tantos anos dan para moito, e existen moitos mitos e lendas sobre os HDC. Gustaríame contarvos os mais estendidos e que comentedes algo sobre eles...
-Heredeiros da Crus nace como un grupo de ghaiteiros chamado Heredeiros Galegos?
É a primeira vez que o escoito.
-O nome de HDC ven dun soño que tivo Toñito de Poi no que perseguiano unhas monxas, desnudavano e nas cachas puña “Os Heredeiros”?
Totalmente certo. O das cachas penso que é un adorno.
-Durante a gravación do “Está que te cajas” e certo que Tuchiño ou Jarfuxo tirouse o chan e díxolle a Rosendo “Piseme la cabesa, maestro,  piseme la cabesa!!!”
Non o sei, pero si foi así, estou seguro que llo dixo o Jran Fran.
-Dinche por ahí que existe unha canción composta pola nai de Toñito de Poi que se chama Santo Dominjo  e que foi publicada nas primeiras edicións do “Des Minutos”. E certo?
Non sei de que me falas.
-Existe no youtube un vídeo da canción Bistes de solomillo que teoricamente foi censurada do disco “A cuadrilla de Pepa a Loba”
Sí, censurada por nós para darlle máis morbo ó asunto.
-E verdade que destes concertos en Londres e Nova Iorque?
Sí, nos centros galegos.
-O neno que sae na portada do disco Criatura é Medín o día da súa Primeira Comunión.
O mesmo. Meu miniño!!! Criaturiña del sielo!!!

-Por ultimo, moitas grazas por colaborar con DCEV, cedémosvos as ultimas palabras para despedirvos dos vosos fans e digades o que querades...
A jichar que se acaba o mundo!!!


Nota: Entrevista realizada a Tucho de Heredeiros da Crus por DCEV e Unt (Voz do grupo Coche no Rio e fan da banda) para DCEV. 
Agradecementos a Unt, Heredeiros da Crus (Tucho) e Airapro. 
Fotos: Marcos Martínez.



No hay comentarios: